Monday 29 de April de 2024

O concello rehabilitará o lavadoiro do río Artes con cargo a unha subvención da consellería de medio ambiente


O arquitecto Carlos Seoane foi o encargado de deseñar a actuación

O Concello de Riveira vén de solicitar unha subvención á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia co fin de proceder á rehabilitación do lavadoiro do río Artes, situado na parroquia do mesmo nome xusto no arranque da senda peonil efectuada no marco do proxecto Riveira Atlántica.

O arquitecto compostelán Carlos Seoane foi o responsable de deseñar o proxecto que se vai a executar.

De 28 metros de lonxitude, o lavadoiro do río Artes constitúe un punto singular no municipio riveirense. Como consecuencia dunha actuación nos anos 70 conta cunha cuberta de fibrocemento sobre piares de formigón que resulta inapropiada e está deteriorada.

A proposta elaborada por Seoane recolle a retirada de dita cuberta e a súa estrutura de formigón para a recuperar a condición natural do lugar e do río. Neste senso, limparase o entorno do río e abastecerase de novo auga ao lavadoiro (agora seco) e a continuación se recuperará o enlousado orixinal de pedra completándoo con adoquín vello reciclado, así como a bancada orixinal de pedra con pedras de granito silvestre do Barbanza onde as labregas sentábanse e reuníanse.

Estas actuacións supoñen unha actuación directa sobre o espazo de 250 metros cadrados e unha sobre o entorno que alcanza os 1.400. O prazo de execución son tres meses.

O orzamento total ascende a 48.068 euros, IVE incluído, subvencionables ata un máximo do 100% con cargo á orde de 21 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2018 e 2019 das axudas e investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito dos parques naturais de Galicia.

ArchDaily
Ao fío desta noticia, cómpre sinalar que outra obra deseñada en Riveira por Carlos Seoane, a remodelación do miradoiro de Pedra da Ra, non resultou gañadora dos Premios ArchDaily na categoría Arquitectura Pública (a actuación galardoada resultou ser o parque Zaryadye en Moscú). Malia así, a satisfacción é máxima ao concluír entre os 5 finalistas dun premio no que competían un total de 181 propostas de 50 países do mundo.